
Chegou o outono e chegaron os Emmy. O domingo non me puiden quedar de madrugada seguindo por twitter a gala ou as crónicas en directo da mesma. Por iso, cando o luns pola mañá vin que Homeland levara algún dos premios máis importantes (mellor drama, mellor actriz protagonista, mellor actor protagonista) levei unha gran sorpresa e alegría. Si, alegría. É unha serie que me enganchou dende o primeiro momento. Primeiro, polas brillantes interpretacións de Claire Danes e de Damian Lewis e segundo pola visión totalmente actual e real do que pasa en países como Estados Unidos ou Iraq. Aquí non hai bos nin hai malos, hai personaxes que evolucionan e súan sangue. Imprevisibles. É moi complicado non empatizar con eles, son demasiado humanos.
Algúns picarán o anzol e crerán que están ante unha serie sobre o patrióticos que son os ianquis sen decatarse de que, en realidade, Homeland é todo o contrario; unha oda aos xiros inesperados que pode dar a túa vida. E, por suposto, unha autocrítica VORAZ. Dicir máis sería spoilear.
O 7 de outubro estréase a segunda temporada, espero non levar ningunha decepción…

Imaxina que es policía, que un día tes un grave accidente de tráfico coa túa familia. Só sobrevivides ti e a túa muller. o teu fillo morre. Pero ao día seguinte, cando espertas e abres os ollos, quen morreu foi a túa muller e non o teu fillo…
Que farías cando as dúas realidades parecen ser de verdade?
Megan Draper (Jessica Paré) cantando o clásico de 1962 de Gillian Hills foi o momentazo desta quinta temporada; veremos se os guionistas foron quen de superalo.
Sigo sen entender o enfado de Don, a quen non lle gustaría recibir semellante regalo de aniversario?
Opinade!

Mad Men volveu a retomar a liña argumental deixada na 4ª temporada. Estamos en xullo de 1966, esta vez Don é un home feliz, esposo amable e pai cariñoso. Tan feliz que no produce certa incomodidade. Xa estabamos afeitos ao seu cinismo e ironía, que vai ser agora de nós? Tamén volveron Peggy, Pete e as súas conspiracións, Roger que non ten nada mellor que facer que roubarlle as contas ao anterior, un fantasioso Lane e o resto dos membros da axencia. Nestes dous primeiros capítulos tamén son protagonistas os movementos dos dereitos civís e a loita da muller por conciliar traballo e vida familiar, representada en Joan (agora no papel de nai).Non podemos esquecernos da fabulosa e marabillosa nova Sra. Draper; espectacular.
Iso si, algo que nos quita o sono é saber ata cando durará este cambio de Don…

Máis ca un diario é unha carta que se escribe a si mesmo e remata sendo unha honesta carta de amor á súa segunda muller. A infancia destemida, os amores non correspondidos, o sexo, as viaxes, a súa vella máquina de escribir, a paternidade, os lugares onde viviu, a morte e os medos. Paul Auster convértese na súa propia personaxe. Non fuxe da felicidade e tampouco renega dos momentos dolorosos da súa vida, acéptaos sen máis.
(Aquí, un apertivo televisivo do bo de Paul)

Seica a vida é cuestión de sorte e Luck non a tivo, toda unha paradoxa.
Tíñao todo para triunfar: pesos pesados diante e detrás da cámara (Dustin Hoffman, Nick Nolte, Dennis Farina, o idolatrado guionista David Milch, Michael Mann dirixindo coa pericia dun mestre de esgrima) e, sobre todo, unha boa historia. Historia que se traduce na tea de araña que se tece entre mafiosos, xinetes, adestradores, coidadores e apostantes do hipódromo californiano aos que dan vida unha ducia de peculiares personaxes cheas de matices e claroscuros ben dosificados.
A emisión da primeira temporada está a piques de rematar en Estados Unidos e o equipo xa comezara a gravación da segunda, pero as mortes de tres cabalos durante a rodaxe capítulos destas dúas temporadas provocaron duras críticas de asociacións de defensa dos animais. A sorte estaba botada… Non podía ser doutra maneira, a serie non se entende sen os cabalos, os actores máis importantes.
A súa cancelación deixa a peor das resacas; só nos queda consolarnos co tema de apertura (Spitting Atom – Massive Attack) da serie e as súas estupendas escenas das carreiras.